Galiciencia bota a andar o vindeiro mércores cunha edición en liña

luns, 7 de decembro do 2020 Redacción

O Parque Tecnolóxico de Galicia, Tecnópole, promove desde o ano 2006 Galiciencia, a maior feira científica que se celebra na nosa comunidade e que busca achegar a ciencia á sociedade, en particular aos máis novos. Conta co apoio da Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain).
«A finalidade de Galiciencia é estimular a creatividade e o talento para innovar do alumnado, permitíndolle achegarse á ciencia a través do xogo e a creación e contribuíndo a espertar neles as vocacións científicas» – indica o director xerente de Tecnópole, Ricardo Capilla.
Esta 15ª edición, que desenvolverase entre o mércores e o venres, será en liña, debido ás restricións provocadas pola actual situación sanitaria, e poderá seguirse a través da canle de YouTube de Galiciencia e da súa páxina web oficial. Esta circunstancia permite ampliala a todo o ámbito nacional, podendo chegar así a máis rapaces e rapazas interesados na ciencia, a innovación e a tecnoloxía.
Este certame científico diríxese a estudantes de Primaria, Secundaria, FP e Bacharelato. Nesta edición, que se celebra baixo o lema A innovación do futuro, amosarase cara a onde camiña a innovación, cales serán os recursos e procesos que se utilizarán para levar a cabo esa innovación, en que ámbitos da vida se desenvolverá máis e que melloras proporcionará á sociedade ou mesmo as desvantaxes que pode supor.

Ciencia divertida e amena

Esta semana terán lugar diferentes actividades totalmente interactivas. O mércores celebrarase un grande espectáculo de ciencia e os días 10 e 11 realizaranse varios talleres para estudantes de Primaria e Secundaria. Os grupos participantes xa recibiron nos seus centros educativos, de xeito gratuíto, un lote con todo o material necesario para poder formar parte destas experiencias. Os estudantes de Primaria achegaranse ao mundo da electricidade e os de Secundaria, pola súa parte, terán a oportunidade de coñecer máis de preto os segredos da chamada cociña molecular.

Tres premios para os proxectos máis innovadores

Nos vindeiros días daranse a coñecer os gañadores dos proxectos máis innovadores desta edición, que ao longo do último mes foron chegando á organización de Galiciencia. Equipos de Secundaria, Bacharelato e FP competirán polo premio final do certame.

PUBLICIDADE