Galiciencia acada a liña dos cincuenta proxectos innovadores presentados

luns, 16 de novembro do 2009 Fernando Sarasketa

Participantes do ano pasado na feira que organiza a Tecnópole

A ciencia vaise metendo nas nosas vidas, en parte porque así o queren os científicos e a propia sociedade, e en parte porque coa Rede só vai quedando a alternativa de comunicármonos. Isto reflíctese en datos como a participación que está a acadar este ano a feira científica para a mocidade Galiciencia, un encontro que vai pola súa cuarta convocatoria e que vén organizado unha vez máis pola Tecnópole. Segundo informa este complexo empresarial ourensán, a cifra de proxectos presentados este ano xa é de medio cento, número que vai alén de todo o acadado até o de agora por esta actividade, dirixida a fomentar a vocación científica entre os estudantes de Secundaria de toda Galicia.
Segundo conta a organización da actividade, o abano temático dos proxectos até o de agora presentados está a ser do máis variado: dende sistemas para a extracción de aceites esenciais de algas para fabricar cosméticos até o deseño dunha mochila ergonómica e dun enxizador para tacos de billar, pasando polo desenvolvemento dunha ponte levadiza mediante electricidade son algúns dos traballos máis relacionados coa investigación aplicada e a innovación que presentarán os equipos procedentes de centros escolares nos seus stands.
En total, trátase de 15 proxectos de escolares da provincia de Pontevedra, outros 15 de Ourense, 9 da Coruña, 4 de Lugo, 6 de Barcelona e 1 de Guipúscoa.
A feira, por certo, desenvolverase no recinto da Tecnópole entre os días 25 e 27 de novembro, contando co patrocinio da Dirección Xeral de I+D e combinando a exposición de proxectos organizada co gallo da Semana da Ciencia con todo tipo de obradoiros e sesións divulgativas.

PUBLICIDADE