GaliciaTIC constata que a pandemia acelerou a transformación dixital de empresas e organizacións

mércores, 14 de outubro do 2020 Marcus Fernández

Baixo o lema Empresas e persoas dixitais e conectadas deu comezo hoxe na Cidade da Cultura de Galicia unha nova edición de GaliciaTIC, o foro de referencia para o sector tecnolóxico galego, que neste 2020 cumpre 18 anos e adapta o seu formato a unha nova modalidade que combina os ámbitos presencial e en liña para cinguirse, deste xeito, ao contexto actual marcado pola incidencia da COVID-19. Máis de 400 persoas inscribíronse para participar no foro, no que intervirán máis dunha trintena de expertos.
Precisamente, tal e como puxo de manifesto Miguel Merino, director de GaliciaTIC 2020, durante a sesión inaugural desta mañá, o contexto xerado pola pandemia obrigou a acelerar o proceso de transformación dixital tanto nas administracións públicas, coma nas empresas e organizacións galegas. Segundo asegurou Merino, «nestes seis meses de pandemia produciuse un avance antes agardado para os vindeiros cinco anos» nesta materia.
Ademais, tal e como expresou o director do foro, GaliciaTIC sempre fomentou a implantación de tecnoloxía nas empresas e na sociedade en xeral, pero neste momento «a transformación dixital deixou de ser opcional e esta necesidade supón un pulo para certos sectores con baixa intensidade de implantación tecnolóxica, non só para evitar a brecha dixital, senón pola esixencia desta nova era”.

Mesa inaugural

Na sesión de apertura, na que se analizaron os Retos da transformación dixital en Galicia, participaron a directora da AMTEGA, Mar Pereira; Luis Álvarez-Sestelo, presidente da Asociación de Empresas de Tecnoloxía de Galicia (INEO); Carlos Suárez, director de Edisa; Fernando Vázquez, CEO e fundador de Imatia e José Luis Latorre, director xeral de Inycom.
Mar Pereira, na súa intervención, destacou a importancia de acadar acordos para que os fondos anunciados por Europa para a recuperación, cunha parte importante destinada a dixitalización, se destinen ao financiamento de iniciativas que permitan facer cousas «realmente útiles». Subliñou, ademais, o papel tractor das administracións públicas para arrastrar a outros sectores no proceso de dixitalización así como a capacidade do sector tecnolóxico galego, ao que cualificou como «un sector de éxito» nun contexto global difícil. E recalcou a necesidade de sumar esforzos para afrontar unha auténtica transformación dixital porque «nos xogamos a capacidade de Galicia para competir como rexión neste contexto dixital».
A responsable da AMTEGA aproveitou para agradecer a operadores e empresas tecnolóxicas a súa colaboración para poder manter os servizos públicos dixitais nos momentos iniciais da crise cando se requiría unha resposta inmediata e masiva para atender sectores especialmente críticos como a sanidade ou a educación.
Mentres, pola súa banda, o presidente de INEO fixo fincapé en que a situación xerada pola pandemia provocou, en moitas empresas TIC, «melloras de produtividade». «Case todas as firmas do sector asumiron que a presencialidade non é obrigada, que non é xa preciso coller un avión para ir a unha xuntanza de media hora a Madrid e que os acordos e contratos poden pecharse telemáticamente», afirmou.
Carlos Suárez incidiu en que a adopción do teletraballo ha pasado de ser a excepción a ser a norma. Pero, lembrou que para que funcionen, os cambios organizativos han de ir, moitas veces «acompañados de redeseños nas estruturas das empresas».
Fernando Vázquez quixo destacar que a aceleración do proceso de transformación dixital permite agora «que se poida traballar e contratar en calquera parte del mundo», o que é unha vantaxe para as organización «que poden acceder ao mellor talento».
Finalmente, Latorre alerto de que un dos riscos do teletraballo, que convén evitar, «é que pode provocar a deshumanización das organizacións» e avogou por favorecer que as empresas TIC «sexan máis atractivas para as persoas e para os clientes».

Programa

Tras a inauguración, desenvolvéronse diversos relatorios, mesas temáticas e webinars centrados en asuntos diversos como a necesidade de impulsar a creación dun ecosistema innovador ou os novos retos de seguridade para contornas SAP, o 5G ou a transformación dixital e a automatización de procesos, entre outros asuntos.
O programa continuará na xornada de mañá con novas sesións virtuais, un showroom e o desenvolvemento dunha plataforma virtual de networking. Ademais, unha das mesas de mañá incidirá no blockchain e os seus casos de emprego actuais.
Finalmente, na mañá do venres 16 de outubro terán lugar as últimas mesas temáticas centradas na transformación dixital e recuperación empresarial, dunha banda, e na abordaxe de casos de éxito en implantación de solucións tecnolóxicas no ámbito da industria 4.0, pola outra. Tras elas, o foro será clausurado oficialmente.

PUBLICIDADE