Galicia contará cun nodo de cooperación rexional 5G

xoves, 25 de outubro do 2018 Redacción

O presidente Alberto Núñez Feijoo indicou hoxe durante a rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta que van promover un convenio de colaboración para impulsar un Nodo de cooperación rexional 5G e avanzar así no obxectivo de que Galicia sexa unha das primeiras comunidades en dispoñer desta tecnoloxía. Esta iniciativa busca que Galicia se sitúe como territorio preferente para pilotar as primeiras solucións baseadas en tecnoloxía 5G, encabezando algúns dos proxectos previos ao despregamento destas redes.
Nos vindeiros días asinarase un acordo entre a AMTEGA, o operador público Retegal e os operadores Telefónica, Vodafone e Orange, dotado con 2 millóns de euros. Así, baixo a coordinación de Retegal, os tres operadores asinantes realizarán cada un deles polo menos dous prototipos baseados nesta tecnoloxía. Os operadores desenvolverán estes pilotos en colaboración coas empresas tecnolóxicas galegas para lanzar as primeiras probas no período 2019-2020.
No caso de Galicia, o 5G pode ser a tecnoloxía que facilite a transformación dixital do rural, posibilitando o acceso a Internet ultrarrápido; a mellora na atención a persoas maiores ou enfermos crónicos e a prestación de servizos médicos a distancia; o desenvolvemento da automoción a través do vehículo conectado; os servizos turísticos máis especializados; a mellora da eficiencia e xestión das infraestruturas portuarias; ou novas oportunidades na xeración de contidos aplicables tanto ao consumo televisivo como á educación.

PUBLICIDADE