Galicia Global refórzase de cara á celebración do Día das Letras e de Internet

xoves, 8 de maio do 2008 Fernando Sarasketa

Dicía un galego viaxeiro que nunca escribiu un libro nin apareceu nas escolmas dos 100 galegos máis ilustres do ano que el, andara por onde andara e se movera por onde se movera, sempre tivo o tino de tratar a todas as persoas por igual. A todas as chamaba “visiño” ou “visiña”. Isto que non é máis ca unha pequena anécdota sérvenos para falar dun proxecto en liña que, entre outras cousas, serve para xeolocalizar galegos e galegas no mundo. Ou sexa que nolos sitúa no mapa e, amais, establece entre eles e nós unha porta de acceso para a comunicación (Blogalicia).
A iniciativa Galicia Global 2, incluída nas accións para conmemorar o 17 de maio, vai encamiñada a mellorar a nosa compresión do mundo (en ocasións difícil de enxergar) e o noso papel nel. Un papel que, coma o do personaxe co que abrimos, foi moitas veces de facer familiar o que semellaba non ter límites.
Disto tamén trata Galicia Global: de tirar partido do tecnolóxico para ver que o mundo é aínda máis galego do que pensabamos. E viceversa.
O proxecto non é novo e xa foi posto en marcha hai un ano, contando na actualidade con máis de 1.000 usuarios. A idea é relanzalo con motivo da festividade dupla do 17 de maio (en realidade é tripla: Día das Letras Galegas, Día de Internet e Día Mundial das Telecomunicacións), achegando melloras no seu funcionamento a sacando proveito das vantaxes que ofrece: normaliza o uso da Internet porque achega unha función práctica e específica para os non iniciados. Ten ademais feitura de foro público, aberto a todos os que queiran participar dende calquera recanto do planeta deixando constancia da súa presenza e da súa pertenza á nosa terra. A columna vertebral do servizo é o mapa, que é onde se indica a situación exacta do usuario. Este pode deixar unha descrición persoal, unha imaxe ou unha listaxe de ligazóns ós seus espazos propios en liña. A páxina é un servizo de Internet Society-Galicia (ISOC-GAL) e conta –entre outros- co apoio da Consellería de Innovación, que está a divulgala estes días con motivo da festa do 17.

PUBLICIDADE