Galicia Confidencial organiza unha mesa redonda co gallo do seu 10º aniversario

mércores, 6 de novembro do 2013 Marcus Fernández

O diario dixital Galicia Confidencial, actualmente no posto 30 do noso Top 100 de páxinas web galegas máis populares (sendo un dos poucos medios en galego que figura nunha posición tan boa xunto coa CRTVG e Código Cero) cumpriu 10 anos da súa andaina o pasado día 28, e para celebralo, o vindeiro venres organiza un acto na Facultade de Xornalismo da USC ás 19:30 horas, que comezará cunha mesa redonda á que seguirá unha presentación da década de traballo de Galicia Confidencial da man de Xurxo Salgado, para que poña peche ao evento unha actuación musical de Herbens Consort.
A citada mesa redonda servirá para discutir sobre a importancia da Internet para os medios en galego, para o que contarase coa presenza de Rocío Castro, primeira directora de Vieiros; Marcus Fernández, webmaster de Código Cero; Ubaldo Cerqueiro, director de Que Pasa na Costa; Xosé Manuel Pereiro, decano de Xornalistas de Galicia; e a moderación do decano da Facultade de Xornalismo, Xosé Pereira.

PUBLICIDADE