Galaxia conmemora os 150 anos de Cantares Gallegos cun novo concurso en Twitter

mércores, 8 de maio do 2013 Fernando Sarasketa

A Editorial Galaxia colleulle o gusto a lanzar certames e iniciativas de promoción cultural no Twitter (como por exemplo a que puxo en marcha arredor de O Principiño). E está ben que así sexa: nas redes sociais como a devandita están as xeracións sobre as que no futuro recaerá a importante responsabilidade de manter vivo o noso. Proba do interese da editorial polas redes 2.0 é a posta en marcha dun novo certame no dito servizo de microblogging, desta volta para conmemorar os 150 anos de Cantares Gallegos de Rosalía de Castro que celebramos neste 2013.
Deste xeito e da mesma maneira ca na actividade sobre O Principiño, todos os tuiteiros están convidados a enviar os seus chíos no hastag #rosaliasempreporque, completando o chío e explicando por que a súa obra sempre estará con nós, ou por que é tan importante para nós.
O gañador do concurso, o chío que máis seareiros obteña, recibirá un exemplar dos libros de Rosalía de Castro, Follas Novas, Cantares Gallegos, así como o Murguía de Xosé Ramón Barreiro Fernández, o Rosalía de Castro de Claude Henri Poullain, o Rosalía de Ramón Otero Pedrayo así como o Grial 194 que Galaxia dedica á poeta nacional.
Segundo nos contan os responsábeis do selo galego, dende o intre da activación do hastag, o martes pola noite, comezáronse a recibir chíos, “o que apunta cara a unha alta participación”, sinalan. O gañador ou gañadora darase a coñecer o 15 de maio.

PUBLICIDADE