Gabriela Warkentin informará en Santiago do futuro da comunicación no dixital

luns, 27 de outubro do 2008 Fernando Sarasketa

Gabriela Warkentin, directora do Departamento de Comunicación da Universidade Iberoamericana da cidade de México, estará este xoves en Santiago para achegar o seu punto de vista sobre dúas cuestións complementarias que, cada vez máis, veñen integradas nunha soa: a comunicación e a era do dixital. O seu relatorio, que promete ofrecer uns cantos prognósticos sobre como van interactuar unha cousa e outra (está en xogo a nosa posibilidade de expresarnos libre e amplamente), será un relatorio duplo. Por unha banda, constará dun encontro coa prensa ás 12 horas no Club Internacional da Prensa que servirá para anunciar as liñas a seguir da súa segunda intervención. Esta dará comezo ese mesmo día ás 20.00 horas, no eido das xornadas O futuro da industria da Comunicación que organiza o devandito Club no Centro Sociocultural O Ensanche.
Sinalar que Gabriela Warkentin, amais do seu labor investigador e docente, dirixe a estación de Radio Ibero 90.9 e é titular das cátedras da Unesco Telecomunicacións e Sociedade, Canle 22 Televisión Cultural e Radio Educación Exploración Sonora. Asemade, ten publicado obras sobre ciberdereitos, perfís expresivos da lóxica dixital, ética na sociedade actual das redes ou camiños da tecnoloxía televisiva.

PUBLICIDADE