GTA V</Em> mellora o seu on-line e confirma as súas boas vendas

luns, 7 de outubro do 2013 Marcus Fernández

O xogo Grand Theft Auto V consegue manterse de actualidade, á vez que ocupa o tempo de numerosos xogadores, que finalmente parece que tras a actualización que recibiu o título de Rockstar Games corrixe boa parte dos fallos detectados en Grand Theft Auto Online para Xbox 360 e PlayStation 3, de xeito que xa pode xogarse con relativa normalidade (aínda que é de agardar que nas vindeiras semanas publiquen varias actualizacións máis ata conseguir un funcionamento sólido do modo en liña do principal lanzamento do presente ano).
O xogo tamén está recibir a suite de características de GTA Online na páxina web do Rockstar Games Social Club, que inclúe as estatísticas de GTA Online do xogador, a capacidade de buscar, clasificar e marcar como favoritas actividades que poden engadirse á cola do xogo, listaxes de actividades e páxinas Crew actualizadas.

Grande éxito de vendas


Aparte diso, tamén están a darse a coñecer datos sobre a recepción comercial de Grand Theft Auto V, como o feito de que Sony anunciase que a súa versión descargable converteuse no meirande lanzamento neste formato para PlayStation 3, superando a marca deixada por The Last of Us; mentres que os datos de vendas en Reino Unido parece que non poderían ir mellor, e a só 3 semanas do seu lanzamento o xogo de Take-Two tería superado os resultados de vendas de GTA IV en toda a súa vida.
Iso si, as boas vendas de GTA V non impediron que na última semana FIFA 14 conseguise vender máis copias no Reino Unido.

PUBLICIDADE