GTA V corrixe numerosos erros, pero experimenta problemas co seu modo de xogo en liña

mércores, 2 de outubro do 2013 Marcus Fernández

Para poder estrear a funcionalidade de xogo en liña en Grand Theft Auto V o xogo de Rockstar Games recibiu unha actualización automática para Xbox 360 e PlayStation 3 que arranxou numerosos fallos detectados no xogo no seu modo historia, de xeito que elimina problemas da interface ao empregar Internet no móbil tras completar o xogo ou repetir unha misión, cando se bloquea ocasionalmente Vanilla Unicorn, cando os cartos do personaxe podía caer por debaixo de 0 e quedar atascado aí, cando os vehículos gardados desaparecen e incluso corríxense problemas de colisión e saída do mapa.
Pero a meirande parte dos usuarios non están especialmente preocupados por estes detalles, senón que están a queixarse de que o novo GTA Online está a presentar numerosos problemas, que van dende problemas de conexión cos servidores do xogo (especialmente na versión para PS3) ata bloqueos do mesmo. Dende Rockstar xa están a dar conta dos fallos atopados, e instan aos usuarios a alertar dos mesmos para que poidan corrixilos, para o que remiten aos foros de servizo técnico e incluso á súa conta de Twitter.
Cómpre lembrar que a compañía xa advertiu que as dúas primeiras semanas de funcionamento de GTA Online serán unha fase de proba na que axustarán os servidores e equilibrarán o xogo para poder sentar as bases para unha experiencia en liña que poidan ampliarse durante moitos meses coa incorporación constante de contidos adicionais.

PUBLICIDADE