GTA: San Andreas terá versión para dispositivos móbiles

martes, 26 de novembro do 2013 Marcus Fernández

Hai un par de anos o xogo Grand Theft Auto 3 celebrou o seu décimo aniversario adaptándose a dispositivos con Android e iOS, e continuando na mesma liña dende Rockstar Games anuncian hoxe que un dos xogos máis representativos da PlayStation 2, Grand Theft Auto: San Andreas (do que bebe moitas cousas o recente GTA V), contará con versión móbil o mes que vén.
A versión móbil do GTA: San Andreas non só amosará gráficos remasterizados (con sombras dinámicas, unha maior distancia de debuxado, unha paleta de cores máis rica e modelos mellorados de personaxes e vehículos), senón que tamén adaptará o seu sistema de control para que poida manexarse comodamente a través de pantallas táctiles, aínda que sen esquecer as capacidades de iOS 7 para funcionar con mandos externos (cos que será compatible).
Desta volta, o xogo non se limitará a saír para iOS e Android, senón que tamén contará con versión para Windows Phone, confirmando que a plataforma móbil de Microsoft ten cada vez máis peso no mercado.

PUBLICIDADE