GTA: Chinatown Wars chega ao iPad como a mellor versión deste polémico título

xoves, 9 de setembro do 2010 Marcus Fernández

O xogo conserva a violencia propia da saga GTA, mellorando os gráficos e o sistema de control das súas versións anteriores

O lanzamento de Grand Theft Auto: Chinatown Wars para a Nintendo DS foi un movemento moi arriscado, por presentar un xogo violento e claramente adulto para unha consola orientada a un público familiar, de xeito que as boas críticas deste título non chegaron para producir unhas boas vendas (en boa medida tamén pola reducido investimento publicitario do xogo) o que levou aos seus desenvolvedores a buscar máis plataformas para rendibilizar o seu traballo, adaptando o xogo para a PSP e posteriormente para o iPhone, converténdose esta última posiblemente na mellor das 3 versións e, curiosamente, a máis barata: o xogo para iPhone custa 7,99 euros, mentres que para Nintendo DS custa 19,90 euros e para PSP chegaba aos 39,90 euros.
A versión para iPhone do GTA: Chinatown Wars tiña un nivel gráfico intermedio entre as versións de DS e PSP, pero agora estréase unha versión HD para o iPad que senta o teito gráfico deste título ao contar cunha resolución de pantalla de 1.024 x 768 píxeles mantendo o prezo da versión para iPhone, o que algúns considerarán unha auténtica ganga.
O xogo permite tomar o papel de Huang Lee, quen tras o asasinato do seu pai ten que levar unha antiga espada ao tío Kenny para asegurar que a súa familia conserva o control de todas as tríadas de Liberty City, involucrándose en situacións nas que son habituais os enfrontamentos de bandas, as drogas, os homicidios e os cartos; e nesta última revisión destas aventuras conta cun novo sistema de control optimizado para o iPad, os modelos gozan de maior número de polígonos e tamén incorpora novos efectos especiais e de iluminación, polo que os usuarios do iPad que gusten da saga de Grand Theft Auto teñen aquí un título imprescindible no que moitos considerarán a versión definitiva do mesmo.

PUBLICIDADE