GPUL achega unha proposta formativa para iniciarnos nas tecnoloxías libres

martes, 15 de outubro do 2019 Redacción

O grupo GPUL, Grupo de Usuarios e Programadores de Linux con centro de actividades na FIC da Coruña, vén de pór en marcha este outono a GPUL School, unha iniciativa que pretende achegar a membros máis noveis da comunidade universitaria, así como a calquera outra persoa interesada, as tecnoloxías libres, co obxectivo de que “lles sexan de utilidade na súa vida profesional”.
O programa ten xa varias actividades previstas, todas elas compartindo a arela común de introducir á xente nova no software libre ao mesmo tempo que se achega un punto firme de reflexión, diversión e liberdade de pensamento.
Trátase das seguintes actividades obradoiros: Impresión 3D para dummies, Como facer a túa primeira aplicación Android en Java, LaTex: de cero a Infinity e OK Google! Que opinas de pagar para que unha multinacional te espíe na túa casa?
Quen queira máis información sobre GPUL School e a súa liña de traballo, pode visualizala na web do proxecto. Tamén podemos coñecer mellor ao colectivo GPUL a través da sección Comunidade da iniciativa Coruña Dixital, que é o punto de conexión, posto en marcha polo Concello, de todas as contribucións ao software libre e ás tecnoloxías participativas e maker das comunidades de usuarios e desenvolvedores locais.

PUBLICIDADE