GAIN anuncia a integración da Xunta na iniciativa europea Urban Mobility

xoves, 3 de febreiro do 2022 Anxo Sesto

Patricia Argerey, directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), participou na mañá deste 3 de febreiro nunha xornada na que se presentou a iniciativa europea Urban Mobility do Instituto Europeo de Innovación e Tecnoloxía (EIT) organizada polo Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG). Segundo anunciou Argerey, a Xunta participará na iniciativa co obxectivo de impulsar a cooperación dos axentes tecnolóxicos e de innovación con entidades europeas.
Coa adhesión a este proxecto, tamén se pretende mellorar o posicionamento de Galicia como laboratorio de tecnoloxía e aproveitar o financiamento europeo para programas de aceleración tecnolóxica.
Argerey destacou que no eido da motor contarase coa colaboración da CTAG e da CEAGA (Clúster de Empresas de Automoción de Galicia) para o desenvolvemento de novas tecnoloxías do automóbil que permitan a produción do coche eléctrico e autónomo en Galicia.
No ámbito aeroepacial, salientou o proxecto Galician Skyway que “nos últimos anos obtivo solucións tecnolóxicas para mellorar a seguridade do tráfico de vehículos aéreos non tripulados”, dixo. Tamén destacou unha iniciativa de Boeing e Indra de crear un simulador para a xestión do tráfico aéreo no Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR).
Finalmente, enxalzou a contribución da BFAero en forma de creación de postos de traballo, financiamento de proxectos e creación de novas empresas.
EIT Urban Mobility
A EIT Urban Mobility é unha iniciativa do Instituto Europeo de Innovación e Tecnoloxía que conta coa colaboración de arredor de 130 axentes europeos e cun co-financiamento de ata 400 millóns de euros, dentro do Programa Horizonte Europa (2020-2026). O obxectivo deste proxecto é a transformación da mobilidade urbana a prol de que as cidades sexan espazos máis habitábeis. Entre os socios máis destacados, atopamos a empresas como BMW ou Siemens, e centros como o CTAG, CERTH ou a Universidade de Lisboa.
As empresas que sexan seleccionadas para os programas que o CTAG deu a coñecer durante o acto, poderán acceder a financiamento e a asesoramento de entidades mentoras como CTAG, Barcelona Activa, ou Ferrovial, entre outras. Isto representa unha grande oportunidade para os ecosistemas de emprendemento galegos xa que se seleccionarán máis de 30 proxectos no ano 2022.

PUBLICIDADE