Fujitsu venderá en Europa un smartphone deseñado para persoas maiores

venres, 28 de decembro do 2012 Marcus Fernández

Aínda que cando falamos de móbiles pensados para persoas maiores normalmente referíamos a terminais telefónicos con grandes teclas, altofalante potente e funcións moi básicas, dende Fujitsu son máis ambiciosos e queren achegar a un público de idade avanzada smartphones deseñados especialmente para usuarios que buscan un uso sinxelo, para o que deseñaron o seu Raku-Raku Smartphone, móbil lanzado o pasado verán e que van comercializar fóra do Xapón durante 2013, chegando a EE.UU. e Europa, con pequenas modificacións en cada país.
Dende Fujitsu teñen claro que non contan co músculo financeiro de Samsung para lanzar unha grande campaña promocional, de aí que limite moito os móbiles que comercializa fóra do seu país, pero con este smartphone poderían acadar bastante éxito, pois estamos ante un dispositivo cunha versión modificada de Android 4.0 que amosa un texto lexible (de grande tamaño) e limita a súa pantalla de inicio a aplicacións doadas de usar como un marcador telefónico, a axenda, o correo electrónico ou a consulta meteorolóxica, contando tamén con prestacións moi de agradecer como cancelación de ruído e incluso a posibilidade de ralentizar a voz do interlocutor para facilitar a súa comprensión.


Vídeo no que podemos ver en funcionamento o Raku-Raku Smartphone de Fujitsu

PUBLICIDADE