Fujifilm lanza unha nova impresora portátil para móbiles

luns, 27 de xuño do 2016 Marcus Fernández

Cada vez é maior o número de fotografías que tomamos co móbil, facilitando que queden no esquecemento, polo que non son poucos os que avogan pola súa impresión como un xeito de conservar os recordos, pero ter que recorrer a un servizo de impresión tradicional ou en liña racha coa maxia do momento, o que leva a que varios fabricantes confíen no efecto Polaroid, e comercialicen cámaras instantáneas e impresoras portátiles instantáneas como a nova instax SHARE SP-2 de Fujifilm, que permite reproducir as instantáneas do noso móbil en fotografías de alta calidade co tamaño dunha tarxeta de crédito en apenas 10 segundos.

A cámara comercialízase en dúas cores distintas

Fujifilm lanzou a primeira versión desta impresora (a SP-1) hai un par de anos, e ante o seu bo funcionamento comercial decidiron lanzar a súa sucesora, mellorando a súa calidade de impresión e ofrecendo novas funcionalidades (como filtros personalizables para axustar o brillo, o contraste e a saturación das instantáneas) adaptándose ás demandas dos usuarios.
Esta impresora conta con conectividade Wi-Fi, facilitando así que poida controlarse a través dunha aplicación para iOS ou Android, empregando para a impresión papeis de 62 x 46 milímetros á venda en lotes de 10 e que poden imprimirse a 320 puntos por polgada. Esta impresora portátil só mide 89,5 x 113,8 x 40 milímetros, pesa 250 gramos e conta cunha batería recargable nuns 90 minutos.

Vídeo promocinal da nova Fujifilm instax SHARE SP-2

PUBLICIDADE