Fossil pon á venda reloxos conectados híbridos con autonomía para 2 semanas

xoves, 7 de novembro do 2019 Marcus Fernández

A compra da tecnoloxía de wearables do Fossil Group por parte de Google a primeiros de ano non fixo que a compañía quedase conxelada, e sorprenden con nosos produtos que, en vez de apostar por Wear OS, avanzan na categoría de smartwatches híbridos da compañía coa tecnoloxía Hybrid HR.
Os novos reloxos con Hybrid HR chegan ás tendas a tempo para a campaña de Nadal, e apostan por unha pantalla sempre acendida e unha autonomía dun par de semanas, combinación que claramente non é posible cun smartwatch cun sistema operativo complexo, de aí que estes novos produtos non busquen competir cos reloxos con tecnoloxía de Google ou Apple, senón que están enfocados a usuarios que queren vestir un reloxo de pulso tradicional, pero á vez poder gozar de funcións propias de moitas pulseiras deportivas (mensaxes de texto, alertas, identificación de chamadas, monitorización cardíaca e seguimento de actividades).
Os novos reloxos Hybrid HR son compatibles con iPhone e Android e presentan unha aparencia de reloxo de pulso tradicional, só que na parte interior das súas esferas incorporan unha pantalla monocroma semellante ao papel electrónico na que podemos ver información sobre chamadas e mensaxes de texto, mensaxes de redes sociais e monitorización da actividade física, podendo incluso personalizar bastante o aspecto desta pantalla. Estes reloxos tamén poden aproveitarse para o control da reprodución multimedia, consultar as situación meteorolóxica ou localizar o noso teléfono (facéndoo soar).
O punto forte destes reloxos sería a súa discreción, xa que non semellan reloxos conectados, e chegan a prezos bastante axustados, vendéndose normalmente a 199 euros en numerosas versións coa excepción do modelo con correa de aceiro inoxidable en cor antracita, que custa 219 euros.

O reloxo en aceiro antracita é o único modelo que custa 219 euros

PUBLICIDADE