Forza Motosport 2 sae ó mercado o vindeiro 8 de xuño
luns, 7 de maio do 2007
A partires do vindeiro 8 de xuño os seareiros da velocidade sobre rodas poderán desfrutar dun dos videoxogos máis agardados do momento: o simulador de carreiras Forza Motosport 2 para Xbox 360, que vén de ser presentado no Circuíto Carlos Sáinz de Madrid. O seu creador, Dan Greenawalt, acudiu a España para explicar todo o traballo que leva consigo facer un xogo destas características e asegurou que fixeran falta “ducias de traballadores para medir ó milímetro o trazado e a resposta dos circuítos reais e a mecánica do funcionamento dos coches máis actuais” (só deste xeito se pode entender o realismo acadado nesta versión digna dos máis esixentes pilotos de carreiras).
Nesta edición do Forza Motosport, o usuarios máis creativos poderán, se o desexan, deseñar un modelo dende cero, tanto a nivel mecánico como estético e acceder ós centos de prestacións e regraxes para acadar un coche totalmente customizado cunha resposta en carreira única, todo isto grazas ó editor Livery, un dos aspectos máis destacados do videoxogo.
O Forza tamén achega numerosas opcións de customización como monturas homologadas, elementos de mellora de rendemento ou pinturas calcomanías para personalizar os vehículos ó gusto do xogador e para acadar (aínda) máis realismo, a vibración do mando sen fíos Xbox 360 proporciona unha “sensación única cada vez que se acelera, se reduce ou se cambia de marcha”. Así o asegurou o piloto do equipo Peugeot, Quique Ojeada, que, durante a presentación, comprobou a semellanza que existe entre a condución de verdade e a simulación do videoxogo que ademais, asegurou, “é a mellor maneira de adestrar de cara ó vindeiro Gran Premio de Turquía”.
O Forza Motosport 2 reúne, mellora e pon a punto máis de 300 modelos de coches dos cincuenta principiantes fabricantes do mundo como Ferrari, Porsche, Nissan, VW, GM, Lamborghini ou Peugeot, que sofren danos e desgástanse o mesmiño que se sairamos a pilotar polas leiras co que temos no noso garaxe.
O realismo é tal que os pneumáticos avanzados e os modelos de suspensión responden á calor e ós cambios de presión igual cós modelos de verdade, así como a transferencia de peso e as cargas aerodinámicas que o Forza ten en conta para permitir que o xogador compita coas mesmas condicións que na pista real.
Xunto coa versión normal, publicarase unha Edición Limitada para Coleccionistas, que incluirá un exclusivo libro de 157 páxinas con información sobre coches, circuítos e o desenvolmento do xogo, así como 3 modelos exclusivos: o 2003 Ferrari Challenge Stradale, o 2006 Ford Saleen Mustang S281 e os 2006 Subaru Impreza S204 (ningún deles apto para corazóns doentes).