Fortnite xerou uns beneficios de 3.000 millóns de dólares

venres, 28 de decembro do 2018 Marcus Fernández

Non hai ningunha dúbida en que Fortnite é o fenómeno de 2018, confirmando o modelo de negocio dos xogos free-to-play e culminando o éxito do xénero dos battle royale, e aínda que ponderar obxectivamente o impacto deste título resulte moi complexo (pois incluso erosionou as vendas de grandes blockbusters), dende TechCrunch permítennos pór en valor o xogo de moda xa que aseguran que Fortnite xerou 3.000 millóns de dólares en beneficios durante 2018.
Epic Games non publica datos oficiais sobre os seus ingresos, pero que si anunciou hai poucos días que en menos dun ano conseguiron que Fortnite superase os 125 millóns de xogadores, de aí que vaian incluso a celebrar unha Copa Mundial a finais de 2019.
Con Fortnite temos un xogo que está a explotar fortemente as posibilidades da experiencia multiplataforma, con versións para ordenadores, consolas e dispositivos móbiles, que en esencia son o mesmo xogo, o que facilita que exista unha enorme comunidade de usuarios e mesmo fixo que Sony dese o seu brazo a torcer, e permitise que os xogadores puidesen xogar e compartir progresos e compras dentro do xogo nas súas distintas plataformas, pechando unha fenda artificial que dá a entender que no futuro moitos xogos poderán ser totalmente independentes do hardware.
Aínda que resulte evidente que Fortnite non será un éxito eterno, Epic Games non debería ter problemas para manter o seu bo rumbo, xa que a compañía vén de lanzar a súa propia tenda de xogos (que presume de deixar o 88% dos ingresos para os desenvolvedores, cando o habitual nas tendas dixitais é o 70%) e tamén comercializa tecnoloxía para o desenvolvemento de xogos (como Unreal Engine 4), polo que os éxitos alleos tamén poden supor un impacto positivo na compañía.

PUBLICIDADE