Fortnite, un xogo de zombis no que hai que construír fortalezas para defenderse

luns, 24 de xullo do 2017 Marcus Fernández

O 25 de xullo non só vai ser un día moi especial para os galegos, senón que moitos xogadores de todo o mundo tamén van celebralo por ser a data de lanzamento do último título de Epic Games, Fortnite, un xogo de acción e construción cooperativo no que fozar, rebuscar, construír e defender fortalezas contra hordas de monstros en mundos que farán que non haxa dúas partidas iguais.
Este sandbox cooperativo en liña para catro xogadores desmárcase bastante do que estamos afeitos nos xogos de zombis, xa eu desta volta a aparencia dos personaxes é amable e a acción non se limitará a fuxir dos inimigos ou destruílos, senón que a construción de fortalezas é unha parte fundamental da experiencia.
Tamén será posible colleitar obxectos para construír armas e trampas; os heroes terán distintas aparencias e habilidades en función da súa clase (vagabundo, soldado, ninja ou construtor); e este interesante xogo está dispoñible para PS4, Xbox One, PC e Mac, sendo posible descargalo de balde nalgunha das plataformas, aínda que para poder xogar realmente é preciso adquirir un pack de fundadores (lotes que teñen prezos que van dos 39,99 até os 149,99 euros en función dos seus contidos).
Un detalle a salientar deste xogo é que ligando a conta de usuario da PlayStation Network coa de Epic será posible gozar de progresos multiplataforma entre PC, Mac e PS4.

Tráiler de Fortnite

PUBLICIDADE