Fortnite plaxia descaradamente a Among Us

mércores, 18 de agosto do 2021 Marcus Fernández

A última actualización de Fortnite está a provocar moito rebumbio na Rede, xa que consiste nun modo de xogo chamado Impostores no que hai que conseguir garantir a seguridade da ponte descubrindo aos 2 impostores infiltrados entre os até 10 xogadores que encarnan aos axentes da Orde Imaxinada.
Os axentes deben desenvolver numerosas accións de mantemento e completar distintas tarefas, á vez que están atentos á posibilidade de que algún dos compañeiros sexa un impostor que estea a realizar sabotaxes, de xeito que cada vez que se detecte a un compañeiro caído haberá que teletransportarse á ponte para informar e contrastar sospeitas para ver que é o traidor e votar para expulsalo.
Os impostores, pola súa banda, deben eliminar a axentes dabondo para facerse co control da ponte antes de ser descubertos, para o que poderán realizar distintas accións para gañar tempo e cubrir as súas pegadas, así como tamén completar tarefas ordinarias para gañar a confianza do resto de xogadores.
Esta mecánica exposta resulta bastante familiar, xa que trátase da do xogo Among Us, un dos grandes éxitos durante a pandemia e, aínda que o concepto de xogo non sexa inédito, en Fortnite foi tal o descaro do plaxio que incluso imitaron o estilo dos mapas e, como non, replicaron a terminoloxía da produción de InnerSloth para que a descrición do modo de xogo resultase familiar.
Dende Epic Games non se molestaron en absoluto en disimular a copia de Among Us, pero tampouco é algo que debería sorprender, xa que o modo Battle Royale de Fortnite tamén xurdiu como reacción ao éxito de PUBG. O que acontece nesta ocasión é que Epic Games está en pleno proceso xudicial contra Apple, procurando botar abaixo as condicións da App Store como un xeito de defender aos desenvolvedores de xigantes como Apple, cando Epic Games está a demostrar ter un comportamento moito peor ao abusar dun pequeno estudio como InnerSloth.

Vídeo promocional do modo Impostores de Fortnite

PUBLICIDADE