Fortnite para móbiles incorpora compatibilidade con mandos Bluetooth

martes, 29 de xaneiro do 2019 Marcus Fernández

Epic Games vén de publicar o parche v.7.30 para o xogo Fortnite, que incorpora novidades como a granada fresqueira, que conxela aos inimigos cunha explosión xeada, e unha novidade moi esperada dende a chegada do xogo a móbiles: a compatibilidade con mandos Bluetooth.
Deste xeito, tanto os usuarios de iPhone que teñan un mando Bluetooth con certificación MFi, como os usuarios de dispositivos con Android con case calquera mando Bluetooth, poden gozar no seu dispositivo móbil dunha experiencia de xogo moito máis próxima á do ordenador ou á da consola ao equipararse o sistema de control, o que supón principalmente a vantaxe de evitar que os dedos ocupen parte do campo de visión ao xogar, como acontece cos controis táctiles.
A listaxe de mandos Bluetooth que podemos empregar no xogo en Android é bastante ampla, sendo especialmente destacable o feito de que pode empregarse o mando de Xbox One S, recomendándose tamén mandos como o Steelseries Stratus XL, o Gamevice, o Razer Raiju ou o Moto Gamepad.
Tamén é destacable o feito de que algúns móbiles como o Samsung Galaxy Note9 (na súa versión para EE.UU.), o Huawei Honor View 20 ou o Huawei Mate 20 X permiten agora unha opción para poder funcionar a 60 Hz.

PUBLICIDADE