Fortnite chega a Nintendo Switch

martes, 12 de xuño do 2018 Marcus Fernández

Aínda que a presentación de Nintendo durante o E3 incluíu información de numerosos xogos, houbo un en concreto que captou especial atención, xa que non se trata dun lanzamento a futuro, senón que chega hoxe mesmo: o modo battle royale de Fortnite está dispoñible dende hoxe para Nintendo Switch.
Os usuarios de Switch poden descargar de balde Fortnite na súa consola a partires das 23:00 horas, de xeito que o xogo de PS4, Xbox One, PC, Mac e móbiles chega á consola de Nintendo mantendo mapa, contidos, actualizacións, xogabilidade... aínda que cunha mala nova por parte de Sony: o xogo cruzado funcionará entre todas as plataformas agás PlayStation 4. Deste xeito, os xogadores de Switch poderán competir cos amigos que teñan Fortnite en Xbox One, ordenadores persoais ou dispositivos móbiles, mentres que a PlayStation 4 marxínase voluntariamente, para desgraza da comunidade, nunha postura que aínda é difícil de saber se é prudente ou un erro estratéxico.
As contas de usuario do xogo están ligadas en moitas ocasións á dunha consola (se crearon a súa conta na mesma), e os que o fixeran con PlayStation Network non poderán continuar as súas partidas (e trasladar os seus avances e compras) noutras plataformas, mentres que no resto é posible iniciar sesión en calquera das máquinas, de xeito que un usuario de Xbox One pode manter os seus progresos nun iPhone, no ordenador ou en Nintendo Switch, o que claramente é unha vantaxe para o usuario, pero que dende Sony consideran que ameaza a posición das consolas.
En vista desta situación o consello parece bastante claro: o mellor xeito de crear unha conta en Fortnite é usando un ordenador persoal, evitando así bloqueos outras máquinas.
Outro detalle salientable do Fortnite de Switch é que esta semana incorporará chat de voz mediante uns simples auricualres con micrófono, sen ter que recorrer a unha aplicación móbil como en Splatoon 2.

Tráiler de Fortnite para Nintendo Switch

PUBLICIDADE