Football Manager 25 volve adiar o seu lanzamento

xoves, 10 de outubro do 2024 Marcus Fernández

Hai poucos días os responsables de Football Manager anunciaron que a entrega do xogo deste ano tiña que adiarse até o mes de novembro dadas as dificultades xurdidas por unha renovación total do xogo para empregar o motor Unity, pero finalmente Sports Interactive tivo que repensar a situación e falar con SEGA e os seus licenciantes e socios para retrasar aínda máis o Football Manager 25, que finalmente chegará ao mercado en marzo de 2025.
Esta decisión é sorprendente polo feito de que van lanzar un xogo de fútbol a un par de meses do remate da tempada, o que non parece ter moito sentido, parecendo máis razoable saltar a edición da presente tempada e centrarse na tempada que vén (que polo momento non parece que vaia ser o caso).
Aseguran que até finais de xaneiro non amosarán novas imaxes do xogo e darán máis detalles sobre o Football Manager 25, entrega do xogo que pretendía marcar un gran salto técnico, pero que, cos prazos de desenvolvemento tan axustados, resultaba imposible ter o título listo cuns niveis de calidade que estivesen á altura do que esperaban os seareiros da franquía.