Flappy Bird ingresa 50.000 dólares/día en publicidade
xoves, 6 de febreiro do 2014
Ao dar conta do bo
funcionamento de Telegram en España comentamos que a aplicación para iOS que
está a ser máis descargada a nivel mundial estes días é o xogo Flappy Bird
(conseguindo tamén moi boa resposta na súa versión
para Android) e grazas á xente de The Verge sabemos que a aplicación non é
só un fenómeno de masas, senón tamén un bo negocio, pois aínda que a súa
descarga é de balde, a
publicidade integrada estaría a xerar uns 50.000 dólares ao día de media.
O sinxelo xogo que consiste en premer na pantalla para que un pequeno paxaro
pixelado manteña o seu voo esquivando obstáculos (na liña de Jetpack Joyride)
está a causar furor pese á súa elevada dificultade, conseguindo enganchar aos usuarios, de xeito que
tería superado xa os 50 millóns de descargas, o que é todo un logro para un
título moi sinxelo que o seu desenvolvedor, Dong Nguyen, programou nunhas
poucas noites tras volver do seu traballo.
Nguyen pensa que o seu videoxogo é tan popular por ser diferente ao resto de
xogos móbiles actuais, resultando realmente bo para competir contra outros pois
“xente nunha mesma aula pode xogar e competir de xeito doado porque é doado de
aprender, pero precisas de habilidade para conseguir unha alta puntuación”.