Fitbit presenta novos dispositivos de monitorización de actividade

martes, 25 de agosto do 2020 Marcus Fernández

Dentro dos dispositivos de monitorización de actividade Fitbit conseguiu consolidarse pese á grande competencia de produtos de fabricantes chineses moitos máis económicos, e para manter o seu catálogo actualizado vén de presentar a pulseira de actividade Fitbit Inspire 2 e o reloxo conectado Fitbit Versa 3.
A Fitbit Inspire 2 busca ser un xeito de rexistrar toda a nosa actividade física, incluíndo o sono, grazas á súa autonomía de até 10 días. Esta pulseira podería considerarse unha mera actualización do modelo anterior, con máis autonomía, e que tamén ofrece 12 meses de Fitbit Premium, servizo que busca unir os puntos entre os datos recollidos para axudarnos a marcar obxectivos e actividades para ter unha vida máis saudable.
Esta pulseira con rexistro de frecuencia cardíaca as 24 horas, somerxible até 50 metros, con máis de 20 modos de exercicio e, por suposto, funcións de reloxo e de receptor de notificacións do móbil, terá un prezo de 99,95 euros, estando o seu lanzamento previsto para o 25 de setembro.
Máis completo é o reloxo Fitbit Versa 3, que aparte das funcións e rexistro de actividade física tamén integra GPS (para poder rexistrar os percorridos de adestramento sen levar o móbil enriba), ten unha tecnoloxía de rexistro do ritmo cardíaco máis avanzada (así como monitorización da saturación de osíxeno en sangue) e incluso aproveita o Bluetooth co móbil para poder invocar ao asistente de Google ou a Alexa, así como para poder responder chamadas de voz e ler as mensaxe de texto (e notificacións).
Este reloxo con pantalla AMOLED e autonomía para até 6 días sairá tamén á venda o 25 de setembro, cun prezo de 229,95 euros.

PUBLICIDADE