Fíos de aparellos electrónicos, convertidos en deseño

venres, 2 de febreiro do 2007 Fernando Sarasketa

A tecnoloxía, definida por un neno de poucos anos, ben podería ser algo así: cousas que hai pola casa que fan ruído, que escintilan e que teñen moitos fíos nos que teño prohibido fedellar. Dito doutro xeito, que os fíos semella que non hai quen nolos quite de en medio. Perante unha realidade tan adversa, o enxeño (e a resignación) está a dar certos froitos interesantes. Por exemplo, a Karpetkabel, alfombra deseñada por por un estudante alemán e que consiste en revirar a teoría de que os fíos dos electrodomésticos sempre hai que cubrilos porque estragan a estética da casa. Pois non, desta vez (aínda que para gustos non hai nada escrito) semella que a enriquecen e que lle dan un toque ben moderno. No deseño, cada un dos sucos que aparecen na superficie pode encauzar un fío.
O proxecto en cuestión está a espertar críticas positivas e negativas. Por unha banda, hai quen di que é unha boa solución para todos aqueles (por exemplo) afeccionados á música ós que non lles convencen as infraestruturas sen fíos nos altofalances, por considerar que empeoran o son dos mesmos. Pola outra, están os que sosteñen que o deseño é tremendamente caro e que é provisional, xa que para algo foron inventadas tecnoloxías como o WiFi ou o Bluetooth: para evitar precisamente o exceso de fíos.

PUBLICIDADE