Finisterrae.com presentará en B-web a súa versión para móbiles

martes, 31 de maio do 2011 Raquel Noya

Os vindeiros días, 2 e 3 de xuño, tal e como vimos anunciando estes días en Código Cero, vaise celebrar na Coruña a segunda edición do encontro profesional B-web, que entre outras moitas entidades, contará coa presenza da galega Abertal.
A empresa, con sede na Costa da Morte (onde promove con énfase o uso de Internet e as novas tecnoloxías), aproveitará a feira para dar a coñecer as súas “Ferramentas para sacarlle pasta a isto da Internet”, a través dun relatorio que leva o mesmo nome.
O acto terá lugar o xoves día 2 na sección B-DEMO do seu stand, onde tamén se levará a cabo, por certo, a presentación do novo deseño de Finisterrae.com, a web máis importante da entidade, que agora ten versión para móbiles.
A entidade, que leva preto de 15 anos promovendo a Costa da Morte na Rede, vén de estrear agora un novo sistema que detecta se o usuario ou usuaria accede á devandita web dende un teléfono móbil; de ser así, achégalle unha versión especial para este tipo de dispositivos, que lle fan a navegación máis cómoda e atractiva.
O novo Finisterrae, ao igual que as versións anteriores, sae coa intención de ser unha
“referencia turística e empresarial da Costa da Morte e non un diario de novas da zona”, segundo explican os seus responsables, “con información pensada para aquela xente que nos ve dende fora da Costa da Morte e que busca algo que nos lle podemos axudar a atopar”, conclúen.
Xa que logo, a nova versión para móbiles mantén a mítica sección Libreta de man; o manifesto polo Parque do Megalitismo ou as ferramentas de xeorreferencia para axudarlle aos usuarios a chegar a cada unha das localidades da zona das que se fala na web.

PUBLICIDADE