Final Fight estrea versión descargable para Xbox 360 e PS3

mércores, 14 de abril do 2010 Marcus Fernández

Esta tarde o Bazar de Xbox LIVE estreou un novo título descargable, Final Fight: Double Impact, que mañá chegará tamén á PlayStation Network, e que resucita ao xogo beat’em up de referencia, Final Fight, que pode gozarse coma na súa recreativa orixinal con certas melloras (música renovada e gráficos filtrados en alta definición) e coa posibilidade de xogar en modo cooperativo local e en liña.
Pero hai que destacar que este título que véndese por 800 puntos (9,6 euros) para Xbox 360 e 9,99 euros para PS3 non vén so, senón que inclúe adicionalmente Magic Sword, outro clásico das recreativas que ten unha ambientación moi diferente, pero que goza de certa sona entre os afeccionados aos xogos retro.
Os xogadores poden elixir se gozan destes xogos mantendo a súa aparencia orixinal (pixelada) ou se prefiren utilizar unha aparencia suavizada que incluso engade un efecto de gran que fai lembrar máis ás máquinas recreativas con pantallas CRT.

Magic Word pode visualizarse nun modo gráfico no que simúlase o gran das pantallas CRT dos salóns recreativos

PUBLICIDADE