Final Fantasy VII Remake estrea demo para PS4

luns, 2 de marzo do 2020 Marcus Fernández

Na feira E3 de 2015 causara sensación o anuncio dun remake de Final Fantasy VII, sen dar moitos detalles sobre un proxecto que resultou bastante problemático e que tería que terse lanzado esta mesma semana, pero finalmente a data de lanzamento de Final Fantasy VII Remake programouse para o 10 de abril, quedando para estes días a estrea dunha versión de demostración do xogo que xa podemos descargar para PlayStation 4, pode así cadaquén comprobar en primeira persoas se estes anos de espera pagaron a pena.
A demostración permite xogar a unha misión do comezo do xogo, na que hai que bombardear o reactor Mako 1 e fuxir da localización. Controlaremos a Cloud Strife e a Barret Wallace para levar a cabo o plan de infiltración e destrución, explorando un inmenso complexo que permítenos ver o grande traballo desenvolvido ao revisar este clásico de 1997.
Non falta na demo o enfrontamento coa sentinela Scorpion, o primeiro grande xefe final, que será todo un reto a superar.
A demo de Final Fantasy VII Remake non só permite ver o redeseño do xogo a nivel gráfico, senón que tamén amosa un desenvolvemento máis profundo e un novo sistema de combate, cambios imprescindibles para un xogo de hai máis de dúas décadas, xa que o xénero do xogo evolucionou moito neste tempo e os usuarios actuais son máis esixentes.

Vídeo no que se anuncia o lanzamento da demo de Final Fantasy VII Remake

PUBLICIDADE