Final Fantasy VII Remake e Marvel’s Avengers adían o seu lanzamento

martes, 14 de xaneiro do 2020 Marcus Fernández

Pese a que presentouse xa durante a feira E3 de 2015, o remake de Final Fantasy VII aínda non é unha realidade, e os seareiros da franquía terán aínda que agardar máis para gozalo, xa que Square Enix vén de anunciar que non cumprirá coa data de lanzamento prevista para o 3 de marzo, e fixa a data de lanzamento de Final Fantasy VII Remake para o 10 de abril.
Este adiamento busca realizar uns últimos pulidos ao xogo, facendo que a espera polo mesmo se faga aínda máis longa, aínda que non é o único xogo que recibe o mesmo tratamento, e Crystal Dynamics tamén anunciou hoxe que o prometedor Marvel’s Avengers move a súa data de lanzamento de maio ao 4 de setembro. Este cambio de data de lanzamento resulta especialmente problemático, xa que supón que o xogo continuará sen saír cando se celebren as vindeiras edicións do E3 e da Gamescom, facendo moi visible este retraso e poñendo demasiada atención no acabado que vaia ter o xogo cando realmente vexa a luz.

Avengers non verá a luz até setembro

PUBLICIDADE