Final Fantasy Tactics estrea remake para iOS

venres, 5 de agosto do 2011 Marcus Fernández

Catorce anos despois da súa estrea para a primeira PlayStation chega a iPhone e iPod Touch o xogo de rol táctico Final Fantasy Tactics: The War of the Lions, que destacaba por ser o primeiro xogo deste estilo dentro da franquía de Final Fantasy e que vendeu máis de 2,4 millóns de copias a nivel mundial (e que xa fora adaptado á PSP hai 4 anos, con novas secuencias cinemáticas, novos escenarios e novas profesións).
A nova versión do xogo utiliza un control intuitivo grazas á pantalla táctil dos dispositivos de Apple (o que resulta especialmente práctico á hora de manexarse cos mapas), tempos de carga reducidos (coa posibilidade de saltar as secuencias cinemáticas e escenas de batalla) e cuns gráficos optimizados (aínda que non soporta a resolución da pantalla retina).
Cómpre destacar que o xogo non está traducido ao español, ten un peso bastante esaxerado (457 Mbytes), un prezo máis elevado do habitual (12,99 euros) e a recomendación dos usuarios de iPad de que agarden se lles interesa este título, pois no outono adaptarse aos seus trebellos (nunha versión que posiblemente será moi superior, por resultar máis lexible e manexable nunha pantalla de maior tamaño).

Pese aos seus gráficos optimizados, esta versión non aproveita a pantalla retina

PUBLICIDADE