Fíltrase o episodio final da segunda tempada de La Casa del Dragón

mércores, 31 de xullo do 2024 Marcus Fernández

As filtracións de contidos audiovisuais a través da Internet son sempre un grande problema, xa que, aparte de danar aos propietarios dos contidos ao facilitar o seu consumo por canles non oficiais, tamén pon en perigo a experiencia dos consumidores que queren gozar das obras de xeito ordinario, e poden ver accidentalmente detalles das producións inéditas que estraguen algúns dos momentos que pretendían ser máis significativos.
A última vítima deste tipo de filtración é Max e a súa serie La Casa del Dragón, pois o derradeiro episodio da súa segunda tempada, que chegará a España o vindeiro luns, xa circula pola Rede.
O episodio final de tempada deixouse ver con certa intensidade en TikTok, onde 14 vídeos adiantan uns 30 minutos do episodio final, contido que, aínda que foi retirado de TikTok, está a replicarse bastante a través de X e Reddit, facendo case imposible impedir que continúe a súa propagación.
Hai un par de anos tamén aconteceu algo semellante co remate da primeira tempada da serie ao filtrarse íntegro o episodio final, e tamén a anterior serie da franquía (Juego de Tronos) tivo que enfrontase a importantes filtracións de episodios.
Ante esta situación cómpre simplemente advertir aos seareiros da serie que teñan coidado ao ler sobre a mesma en redes sociais, pois poden atopar spoilers importantes do episodio de peche de tempada de La Casa del Dragón.