Fíltranse imaxes do futuro Pixel 5a

luns, 16 de agosto do 2021 Marcus Fernández

Os móbiles insignia de Google levan un tempo sen comercializarse en España, onde temos que conformarnos coas súas versións económicas, de xeito que non temos Pixel novo dende a chegada do Pixel 4a en outubro do ano pasado, sendo unha incógnita se veremos algún dos modelos de Pixel 6 que chegarán no outono. Pero o que si parece máis que probable é que vaiamos poder gozar do Pixel 5a, que estaría a piques de ver a luz, e incluso xa se atoparon unidades nunha tenda de reparacións anticipándose ao lanzamento oficial que podería ter lugar esta mesma semana.
Polo que puido verse, o Pixel 5a 5G compartiría o deseño do Pixel 4a 5G, ou sexa, que o máis normal sería que o novo móbil substituíse de xeito natural ao anterior, mantendo un prezo axustado e unha cámara que consegue disparar grandes fotografías grazas ás optimizacións do seu software. As imaxes filtradas si amosarían un detalle que faría que este móbil fose moi superior ao modelo anterior, xa que a súa batería tería unha capacidade de 4.680 mAh, cando o Pixel 4a ten unha capacidade de 3.140 mAh.

PUBLICIDADE