Fíltranse as especificacións do que podería ser o Meizu PRO 5 mini

venres, 6 de novembro do 2015 Marcus Fernández

O impresionante Meizu PRO 5 está a conseguir converterse en todo un referente entre os smartphones de alta gama, e dende AnTuTu incluso cualifican o dispositivo como o smartphone máis potente do mercado, pero que a súa pantalla sexa de 5,7 polgadas podería botar atrás a moitos consumidores, de aí que non debería sorprendernos que comece a amosar a pata por debaixo da porta un Meizu PRO 5 mini, que xa figura na tenda en liña Efox, aínda que sen unidades dispoñibles, de xeito que non podemos facernos unha idea da data de lanzamento do produto.
Na tenda en liña en concreto venden o PRO 5 a 509,99 e 609,99 euros nas súas versións con 3 e 4 GB de RAM respectivamente, e o feito de que a súa versión mini figure a 359,99 euros danos xa a entender que estamos ante un terminal que busca chegar a un público moito máis amplo.
Segundo as especificacións que figuran na tenda de Efox, o Meizu PRO 5 mini tería unha pantalla Full HD de 4,7 polgadas, procesador Helio X20 de 10 núcleos a 2,5 GHz, 3 GB de RAM, 32 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD de até 128 GB), cámaras de 13 e 5 Mpíxeles, sistema operativo Android 5.1, conectividade LTE, Bluetooth 4.1, lector de pegadas dixitais, dobre SIM e batería de 3.050 mAh, dando a entender que estaremos ante un smartphone cun magnífico desempeño e unha boa autonomía, que algúns consideran que parece “demasiado bo para ser certo” ao ofrecer prestacións de tope de gama a un prezo moderado.

PUBLICIDADE