Fíltranse a meirande parte das especificacións do novo Moto G

venres, 24 de xullo do 2015 Marcus Fernández

Aínda que non está previsto que Motorola anuncie o seu novo Moto G o vindeiro día 28, a día de hoxe podemos dicir que tal presentación xa non será precisa, xa que filtráronse case todos os detalles sobre o seu novo móbil, incluíndo o vídeo promocional que empregará Motorola Brasil, na que se amosa en detalle a aparencia e as especificacións do terminal.
Nesta terceira xeración o Moto G contará cunha pantalla 5 polgadas de alta definición, procesador Qualcomm Snapdragon de catro núcleos con LTE, 1 GB de RAM no modelo con 8 GB de almacenamento interno e 2 GB de RAM no modelo con 16 GB de almacenamento interno, lector de tarxetas microSD de até 32 GB, cámaras de 13 e 5 Mpíxeles, dobre SIM, resistencia á auga (IPX7) e personalizable con Moto Maker (alí onde o servizo estea dispoñible, e que até o momento estaba limitado ao Moto X). Espérase que veñan coa última versión de Android, e quedaría por saber a capacidade das súas baterías e, como detalle máis importante, o seu prezo (aínda que este muda moito nos distintos mercados internacionais).


Vídeo promocional brasileiro do novo Moto G
ACTUALIZACIÓN: Continúan as filtracións sobre o novo Moto G, e agora xa concretan que a batería será de 2.470 mAh, o grosor de 11,2 milímetros, o peso de 154 gramos e, cun detalle que agradecen moitos consumidores: receptor de radio FM.

PUBLICIDADE