Filtran varias imaxes do futuro CrunchPad

luns, 13 de abril do 2009 Marcus Fernández

Durante a Semana Santa filtráronse á Rede imaxes do que podería ser o CrunchPad, un Web Tablet, ou sexa, unha especie de iPod Touch xigante, cunha pantalla táctil capacitiva de 12 polgadas que funcionaría cun procesador Intel Atom, con conectividade Wi-Fi e a posibilidade de funcionar tamén cun teclado e un rato USB, de xeito que sería ideal para gozar da Internet en moitas situacións, e que podería saír á venda por un prezo bastante axustado (200 dólares). As imaxes dan a entender que o produto podería estar moi próximo ao seu lanzamento oficial.
O proxecto de desenvolvemento deste equipo xa se anunciou o pasado verán por parte de Michael Arrington, e de poder manter o prezo estimado parece seguro o seu éxito comercial, xa que ofrecería moitas das atractivas prestacións dun iPhone de cara á web, pero sen limitarse a unha pantalla de pequeno tamaño, aínda que terá que facer fronte á dura competencia que supoñen hoxe os ultraportátiles de baixo custo.

O CrunchPad conta cun teclado virtual para a introdución de texto

PUBLICIDADE