Filtran unha imaxe do que sería o futuro BlackBerry Motion
venres, 6 de outubro do 2017
A senda que seguirá BlackBerry como marca de móbiles agora
que está baixo o control da chinesa TCL provoca bastante curiosidade, polo que
a filtración
dunha imaxe do futuro BlackBerry Motion captou moitas miradas, e tamén
provocou bastante decepción, por considerarse que non é un produto moderno, que vaia na liña dos últimos
terminais (e incluso deixar de lado o tradicional teclado QWERTY) aínda que
probablemente os críticos esquecen que non é un produto destinado a ser un tope
de gama, senón a situarse na gama media, como indicaría claramente que vaia
funcionar cun procesador Qualcomm Snapdragon 625 ou 626.
Iso si, se atendemos aos rumores, o smartphone contará con 4 GB de RAM,
pantalla Full HD, certificación IP67 (resistencia ao po e á auga), lector de
pegadas dixitais no botón de inicio e unha batería de 4.000 mAh, ou sexa, que o
produto que estaba a desenvolverse baixo o nome clave de Krypton podería ser un
terminal bastante axeitado para os que simplemente busquen un móbil con software
de BlackBerry cunha boa autonomía e que non aposte polas pautas de deseño de
2017, ou sexa, que non minimice os marcos da pantalla nin suprima o porto para
auriculares, aínda que si optará por integrar un conector USB-C (o que pode dar
a entender que soportaría carga rápida).