Filtran as especificacións do HP Slate

martes, 6 de abril do 2010 Marcus Fernández

Comparación das especificacións do HP Slate e do iPad

A primeiros de ano o propio Steve Ballmer presentou publicamente un prototipo do tablet HP Slate, pero sen detallar as súas características técnicas, de xeito que o único que sabiamos deste interesante dispositivo é que funcionaría co sistema operativo Windows 7 Home Premium, pero dende Engadget publicaron un documento interno de HP que compararía o trebello co iPad, o que serviría para constatar as prestacións do HP Slate, que serían as seguintes: pantalla multi-táctil de 8,9 polgadas cunha resolución de 1.024 x 600 píxeles, procesador Intel Atom Z530 a 1,6 GHz, tarxeta gráfica Intel UMA con soporte de vídeo a 1.080p, 1 Gb de RAM, Wi-Fi, Bluetooth, opcións para 3G, WWAN e GPS, USB 2.0, lector de tarxetas SD/SDHC/SDXC de ata 128 Gb, toma para auriculares estándar, batería cunha autonomía de ata máis de 5 horas, webcam frontal (VGA), cámara de 3 Mpíxeles e un prezo de 549 dólares cunha unidade interna de 32 Gb e de 599 dólares con 64 Gb.
En vista destas características non estariamos ante un produto que destacase especialmente ao comparalo co seu principal competidor, agás polo seu rendemento e polo feito de que podería funcionar coma un ordenador completo, polo que sería razoable pensar que estamos ante dispositivos moi distintos, aínda que cunha aparencia externa semellante.

PUBLICIDADE