Fernando Suárez, novo presidente do consello estatal de colexios de Enxeñaría en Informática

venres, 20 de setembro do 2019 Redacción

Este sábado 21 de setembro vaise proclamar de maneira oficial a nova xunta de goberno do consello estatal de Colexios Oficiais de Enxeñaría en Informática (CCII), o órgano que aglutina todas as entidades profesionais do territorio español ligadas directamente á Enxeñaría en Informática, incluído o colexio galego CPEIG que preside Fernando Suárez. Precisamente será o galego Fernando Suárez o cabeza de lista do consello xeral, en substitución de Juan Pablo Peñarrubia. Até o de agora Suárez ostentou o cargo de vicepresidente.
O presidente entrante do CCII é licenciado en Informática pola Universidade da Coruña. Actualmente desenvolve a súa actividade profesional na Deputación de Ourense como director da Área de Transparencia e Goberno Aberto desde xaneiro de 2018. Desde maio deste ano, Fernando Suárez é presidente da Comisión de Deontoloxía e Ética do CCII, órgano encargado da elaboración do Código Ético e Deontolóxico da Enxeñaría Informática presentado ese mesmo mes. Tamén colabora en tarefas de avaliación para a implantación de títulos oficiais e estudos de grao e mestrado e é vicepresidente e vogal profesional da comisión de Acreditación Euro-Inf da Axencia Nacional de Avaliación da Calidade e a Acreditación (ANECA). Ademais, Fernando Suárez desempeña labores como docente en varias universidades galegas.
O novo presidente do CCII recibiu diversos recoñecementos ao longo da súa carreira profesional. En maio de 2015 concedéuselle o premio i3 á Traxectoria Profesional Nacional grazas “a súa gran dedicación cara a profesión e pola súa contribución ao desenvolvemento da Enxeñaría Informática en beneficio da sociedade”.
O pasado mes de maio Suárez recibiu un recoñecemento sobre a concienciación en seguridade nos Premios Internacionais de Seguridade Cibernética e Protección de Datos da Asociación Española para o Fomento da Seguridade da Información.
Con esta nova candidatura, o consello xeral seguirá traballando para concienciar sobre a influencia que ten a Enxeñaría Informática na sociedade actual.

PUBLICIDADE