Fernando García, novo director de Microsoft Dynamics en España

venres, 10 de xuño do 2011 Raquel Noya

Fernando García Varela, un directivo de 46 anos con ampla experiencia no sector das novas tecnoloxías, vén de ser nomeado director da División de Microsoft Dynamics en España, área estratéxica para a filial española que cobrou moita importancia nos últimos dous anos.
No seu novo posto, García será o encargado de liderar o desenvolvemento e a xeración do negocio da división Microsoft Dynamics, que aglutina as solucións de xestión empresarial da compañía, tanto as ERP (coas súas solucións Dynamics NAV e Dynamics AX) como Microsoft CRM.
O directivo aporta unha valiosa experiencia no mercado das TIC no ámbito empresarial, así como un gran coñecemento da compañía, onde xa levaba 12 anos colaborando como director de Industria.
O principal reto que afronta agora García é o de facerlle chegar aos seus clientes e empresas, as vantaxes e oportunidades que representa a nube para as solucións de Microsoft Dynamics.
Antes de chegar a Microsoft, este experimentado executivo formou parte de empresas como Bankinter, Telefónica, Virtual Desk ou o Banco Árabe Español.

PUBLICIDADE