Fallout 76 regala xogos polo Nadal

luns, 24 de decembro do 2018 Marcus Fernández

A mediados de novembro Bethesda Game Studios lanzou o xogo Fallout 76, anunciado por sorpresa o pasado mes de maio, e que supoñía unha curiosa variación da experiencia de Fallout ao mesturar elementos dos xogos de supervivencia cos xogos masivos en liña, proposta que pese a ser moi prometedora resultou nunha total decepción, con moitas críticas apuntando a que o xogo púxose á venda sen rematar (con problemas de conectividade e unha clara carencia de contidos), o que notouse claramente nas súas febles vendas e na súa rápida baixada de prezo.
Pero dende Bethesda semella que están a facer acto de contrición e agora anuncian que os xogadores que inicien sesións en Fallout 76 antes de que remate 2018 recibirán de balde Fallout Classic Collection para PC, promoción que tamén aplicarase a quen goce do xogo en PS4 ou Xbox One.
A promoción será efectiva ao longo de xaneiro, e os xogos incluídos no lote de clásicos serían Fallout: A Post Nuclear Role Playing Game, Fallout Tactics: Brotherhood of Steel e Fallout 2: A Post Nuclear Role Playing Game, que actualmente están de oferta en Steam por 5,99 euros.
Falta agora por ver se os problemas presentes en Fallout 76 poderán solucionarse no medio-longo prazo, de xeito que un título cun mal comezo poida rematar sendo un xogo digno dunha franquía de tanto peso, como é a do universo post-apocalíptico de Fallout.

PUBLICIDADE