Falece o creador do ZX Spectrum

venres, 17 de setembro do 2021 Marcus Fernández

A prensa británica está a dar conta do pasamento de Sir Clive Sinclair, toda unha figura histórica no mundo da informática, principalmente por ser responsable da creación dos ordenadores ZX Spectrum, aínda que entre as súas invencións tamén destacan as súas calculadoras de peto, ordenadores coma o Z80 e o Z81 e incluso o seu vehículo eléctrico persoal, o Sinclair C5, que foi un rotundo fracaso comercial.
A carreira deste inventor destaca máis polos seus grandes fracasos que polos seus éxito, pero o feito de ter promovido o ZX Spectrum como un xeito de levar os ordenadores persoais aos fogares grazas ao prezo axustado dos equipos conseguiu que esta figura pasase a historia da informática moderna.
O ZX Spectrum saíu á venda en 1982 en modelos con 16 e 48 KB de RAM, ordenadores icónicos polas súas teclas de goma. Estes equipos, con prezos moi axustados (125 e 175 libras esterlinas respectivamente) tiveron unha boa acollida, dando lugar a modelos con teclados máis tradicionais (o ZX Spectrum+ e o ZX Spectrum 128), aínda que o éxito masivo dos Spectrum en Reino Unido e España chegaría a partir de 1986, despois de que Sir Clive Sinclair vendese a marca a Amstrad, compañía que comercializaría os ZX Spectrum +2 e +3, que incorporaban unidades de casete e disco respectivamente, e foron renovándose até que deixaron de producirse en 1992.

PUBLICIDADE