Facebook presenta dispositivos para facer máis naturais as videoconferencias
luns, 8 de outubro do 2018
Nalgúns mercados as chamadas de voz e vídeo a través de
Facebook son moi populares, pero a compañía de Mark Zuckerberg quere que este
servizo se introduza aínda máis na vida dos seus usuarios e presentou hoxe
un par de dispositivos para a realización de videoconferentecias: o Portal e o
Portal+.
Falamos dunha especie de tabletas que integran unha cámara controlada por
tecnoloxía de intelixencia artificial que buscan que as videoconferencias sexan
como compartir habitación con nosos interlocutores, xa que están orientadas a
un uso en mans libres. Para conseguir un funcionamento natural a Smart Camera
procura seguir a acción que aconteza diante da mesma ou procurar captar na imaxe
ás persoas que estean diante, para o que amplía e afasta a imaxe, así como
corrixe o plano para encadrar ás persoas que estean a participar na conversa.
Tamén integra Smart Sound para reducir o ruído de fondo e mellorar a recepción
da voz das persoas incluso estando en movemento pola habitación, ou sexa, que
que a cámara fai un seguimento tanto da imaxe coma do son.
Estes dispositivos poden empregarse para comunicarse con calquera usuarios de
Facebook e Messenger, poden controlarse por voz contando tamén con Alexa como
asistente e, entendendo a desconfianza que pode ter o usuario ante a
posibilidade de que a cámara e o micrófono poidan empregarse para espialo, de
aí que permitan a súa desactivación con só premer un botón (e incluso a cámara
inclúe unha tapa para tranquilizar aos máis desconfiados).
Facebook segura que as conversas realizadas a través destes dispositivos están
cifradas de extremo a extremo (ou sexa, que eles non ven o que acontece nas comunicacións),
a tecnoloxía de Smart Camera e Smart Sound corre no dispositivo e non nos servidores
de Facebook, e as ordes de voz realizadas poderán borrarse do historial de
Facebook en calquera momento.
A diferenza entre ambos dispositivos de
Facebook é practicamente o seu tamaño de pantalla, de xeito que o Portal
ten unha pantalla de 10 polgadas cunhas resolución de 1.280 x 800 píxeles,
mentres que o Portal+ medra até as 15 polgadas, a súa resolución é de 1.920 x 1.080
píxeles e o seu deseño permite pivotar a pantalla. Polo momento só sairá á
venda nos EE.UU. por 199 dólares no modelo normal e de 349 dólares para o
modelo grande, estimándose que os envíos destes produtos se realicen o vindeiro
12 de novembro.
- Coñecedores da desconfianza dos consumidores, a cámara do Portal de Facebook pode taparse de xeito doado