Facebook mellora as funcións de vídeo para editores e creadores

luns, 16 de setembro do 2019 Marcus Fernández

Facebook está a aproveitar a celebración da fira IBC en Amsterdam para presentar novidades para os creadores de vídeo en Live, Watch Party e Creator Studio, para que editores e creadores poidan conectar mellor coas súas comunidades a través do vídeo.
Temos así que Facebook Live permite agora realizar retransmisións en páxinas que só estean visibles para os editores e administradores como un xeito de realizar probas de emisión, permiten que os editores poidan cotar o inicio e o final dun directo, as retransmisións medran de duración até as 8 horas e tamén ofrecerase a posibilidade de que os editores poidan emitir en directo a máis dun servizo á vez. Tamén incorporan a función de Live á aplicación de Facebook Lite, permitido que os directos cheguen a un maior número de usuarios.
Na función de Watch Party ou vídeo en grupo temos que as páxinas poderán programar este tipo de eventos do mesmo xeito que pode facerse cunha retransmisión en vivo (buscando así congregar a usuarios nun momento dado para interactuar ao redor dun vídeo), os vídeos en grupo poderán verse en diferido, amplíanse as estatísticas sobre o consumo deste tipo de vídeos e tamén poderase etiquetar a socios comerciais no contido patrocinado nos vídeos en grupo.
O Creator Studio continúa a medrar en prestacións, con estatísticas de lealdade, unha nova métrica de distribución, 13 novos idiomas no subtítulado automático e, moi especialmente, a posibilidade de que os creadores poidan agora publicar e programar contido en Instagram e IGTV programándoo con até 6 meses de antelación. Adiantan que nos vindeiros meses incorporarán a posibilidade de realizar borradores e editar os contidos de Instagram e IGTV.

PUBLICIDADE