Facebook Shops facilitará que os pequenos negocios vendan a través da Rede

mércores, 20 de maio do 2020 Marcus Fernández

Nos últimos anos Facebook fixo numerosos achegamentos ao comercio electrónico, facendo que a experiencia de compra estea cada vez máis preto do usuario das súas plataformas, reducindo ao máximo a fricción para facer realidade o comercio social, e avanzando nesta liña están a lanzar nos EE.UU. Facebook Shops, unha plataforma que facilita aos negocios vender directamente a través de Facebook e Instagram, e que nos vindeiros meses pretende chegar ao resto do mundo.
Os negocios poden crear unha tenda virtual de balde, seleccionan os produtos que queren destacar do seu catálogo e contando con numerosas opcións de personalización, de xeito que negocios de calquera tamaño teñen agora unha nova canle de comercialización para os seus produtos, que aproveita o potencial da canle en liña, xa que permite que os clientes contacten cos negocios a través de WhatsApp, Messenger e Instagram Direct, canles de comunicación que inicialmente só funcionan para a atención ao cliente, pero que no futuro permitirán pechar compras directamente.
Esta nova plataforma comercial está deseñada coa vista posta nas tendencias actuais, e por iso non deixan de lado as retransmisións de vídeo en directo, nas que no futuro os vendedores, as marcas e os creadores poderán amosar unha selección de produtos ligados á Facebook Shop correspondente, de xeito que os espectadores poderán saber rapidamente máis sobre os produtos e incluso mercalos, facendo que estes directos sexan moitos máis efectivos.
Facebook tamén prevé a integración de programas de fidelización e a integración con plataformas de comercio electrónico actuais como Shopify ou WooCommerce.

JPEG - 94.2 KB
As tendas poderán ofrecer os seus produtos a través de retransmisións en directo

PUBLICIDADE