FLIR ONE: un accesorio que converte o smartphone nun visor térmico

xoves, 25 de xuño do 2015 Marcus Fernández

O FLIP ONE permítenos ver o mundo coma un Predator

As imaxes térmicas son algo que se popularizou grazas a películas como Predator, e aínda que nese caso era un efecto especial que nada tiña que ver coa realidade, a tecnoloxía que permite ver a calor leva tempo desenvolvéndose, principalmente con usos militares, pero FLIR Systems consegue achegalas aos teléfonos móbiles, e anuncia hoxe a nova versión do seu sensor térmico FLIR ONE, que xa pode mercarse por 249,99 dólares na súa versión para iPhone e polo mesmo prezo para a súa versión para Android.
Estamos ante un dispositivo de peto que podemos incorporar ao smartphone para medir a temperatura con precisión en forma de imaxe e cunha precisión dunha décima de grao, o que permitirá aplicacións prácticas (como detectar fugas de calor ou auga no fogar) e mesmo de lecer (para a exploración en espazos abertos).
Aínda que FLIR xa tiña unha versión en forma de funda para móbil, os novos modelos conseguen un formato máis compacto (72 x 26 x 18 milímetros) e lixeiro (pesa uns 30 gramos), e incluso integra unha batería de 350 mAh para que durante o seu os o novo sensor non drene a batería do noso smartphone. O sensor integra dúas cámaras, unha que capta a imaxe térmica e outra que capta a imaxe visible (da que extrae un esquema do que temos diante), para conseguir unha imaxe híbrida máis doada de interpretar e, a través da aplicación oficial de FLIR ONE, podemos tanto capturar imaxes como vídeo e medir temperaturas puntualmente, aínda que as funcionalidades deste trebello aínda poderían ampliarse máis xa que conta cun SDK para iOS e para Android facilitando o desenvolvemento de aplicacións creativas.
A versión para dispositivos de Apple do FLIR ONE está xa dispoñible dende hoxe, mentres que a de Android comezará a distribuírse ao longo do mes que vén.

O FLIP ONE permítenos ver o mundo coma un Predator

PUBLICIDADE