FIFA 10 tamén chega ao iPhone

venres, 2 de outubro do 2009 Marcus Fernández

Esta semana chegou ás tendas españolas o xogo FIFA 10 para Xbox 360, PlayStation 3, PlayStation 2, PSP, Wii e PC (a versión de Nintendo DS demorarase un par de semanas), pero o que sorprende un pouco máis e que simultaneamente tamén teñamos dispoñible na App Store de Apple unha versión do xogo para iPhone e iPod Touch, que curiosamente non estará limitada ao mercado europeo, senón que tamén está á venda en Australia e EE.UU.
O xogo sorprende por presentar distintos sistemas de control para resultar máis ou menos doado de manexar (segundo a habilidade do xogador coa pantalla táctil do terminal), ofrece partidos de 30 ligas, 570 equipos e 12.620 xogadores ao redor do mundo, permitindo a participación en ata 20 torneos e competicións de copa con licenza, o que é todo un luxo para un xogo portátil que custa só 7,99 euros.
O FIFA 10 para o iPhone tamén conta co modo de xogo Conviértete en profesional, aproveita tanto a pantalla táctil coma o acelerómetro para o control das xogadas, conta con efectos e sons realistas, está traducido ao español e incluso conta cun modo multixogador local a través de Wi-Fi, situando moi alto o listón para este tipo de xogos.


Demostración do funcionamento do FIFA 10 no iPhone

PUBLICIDADE