FEUGA e AENOR colaboran na mellora da competitividade das empresas galegas

martes, 22 de abril do 2008 Raquel Noya

A Fundación Empresa-Universidade Galega FEUGA maila Asociación Española de Normalización e Certificación AENOR veñen de asinar un convenio de colaboración destinado a afianzar a investigación e a innovación tecnolóxica nas empresas galegas con vistas a incrementar a competitividade das mesmas.
O devandito acordo foi asinado polo director xeral de FEUGA, Xavier López Martínez e polo director da delegación de AENOR Galicia, Martín Pita López, no mesmo día no que se celebraba a primeira xornada do curso Fiscalidade e xestión de proxectos de I+D+i, que están a impartir expertos de AenorFormación na sede da Fundación ata o vindeiro mércores 23 de abril.
A iniciativa abrangue o desenvolvemento inicial dunha serie de cursos arredor da rendibilidade da I+D+i destinados ás pequenas e medianas empresas a fin de que os participantes, entre outras cousas, poidan obter os coñecementos necesarios para optimizar os procesos de investigación e innovación nas súas empresas.
Os asistentes aos devanditos cursos tamén adquirirán as habilidades precisas para levar a cabo a auditoría dun sistema de I+D+i, aprenderán a maximizar a obtención de beneficios fiscais e tamén a sacarlle proveito aos beneficios da vixilancia tecnolóxica a través da posta en valor da información obtida.
Neste senso, as xornadas que vén de por en marcha FEUGA son as segundas que se imparten con AenorFormación en materia de xestión da I+D+i e o principal obxectivo destas últimas é trasladarlle ás empresas galegas todo o coñecemento sobre as vantaxes do novo marco fiscal, así como os mecanismos necesarios para maximizar e asegurar a desgravación fiscal aplicable aos proxectos de investigación e innovación tecnolóxica contemplados na Lei de Impostos de Sociedades.

PUBLICIDADE