FACUA reclama a regulación das tarifas de Internet móbil

xoves, 7 de outubro do 2010 Raquel Noya

FACUA-Consumidores en Acción, unha das organizacións que máis mira polos nosos dereitos como consumidores e que nos últimos tempos (sobre todo dende a chegada de Internet móbil ao mercado) máis se tivo que poñer as pilas para dar conta dos “abusos” que tentan levar a cabo certas operadoras de telefonía no noso país, vén de reclamarlle ao Goberno que declare o acceso a Internet móbil de alta velocidade “como servizo universal” e que fixe un prezo asequible para os usuarios de a pé, que ven como cada día, paradoxicamente, os prezos medran e os servizos merman. Ante os “elevados prezos existentes” e a “ausenza de tarifas planas reais”, o persoal desta entidade decidiu levar a cabo un estudo comparativo sobre as tarifas de Internet a través do teléfono móbil e router sen fíos de nove compañías de telecomunicacións. A análise, que recolle máis de cincuenta tarifas ofertadas por Movistar, Vodafone, Orange, Yoigo, Simyo, Másmovil, Pepephone, Eroski Móvil e Carrefour Móvil, indica que “non hai ningunha tarifa plana real de Internet móbil de alta velocidade coa que o usuario poida navegar a un prezo fixo mensual” e engade que na maioría dos casos, a velocidade “baixa radicalmente” ao superar límites de descargas que as compañías fixan entre 100 Mb e 5 Gb. Asemade, o informe cita casos nos que a tarifa mensual, malia a ser “plana”, aumenta de prezo despois de superar un tope de descargas, e incluso que hai tarifas nas que se paga por unha cantidade por cada día que se emprega o servizo cun límite de descargas tras o cal baixa a velocidade e outras nas que o prezo depende de cada bloque de Mb descargados. Xa que logo, FACUA solicítalle ao Goberno unha “tarifa referente” á que os usuarios poidan acollerse, na que ademais dun prezo razonable”, se garanta “unha navegación sen restriccións na subida ou baixada de datos”. Esta organización advirte na súa web, que moitos usuarios poden estar contratando tarifas non acordes ás características da súa navegación (en moitas ocasións por un mal asesoramento das propias compañías) e alerta que de terse contratado unha aferta na que o prezo aumenta en función dos Mb descargados, as facturas “poden ser de centos de euros por facer cousas tan habituais como visionar vídeos da Rede ou escoitar música”. O artigo colgado por FACUA na súa web tamén recolle unha interesante (e útil) comparación de tarifas das principais operadoras nacionais, na que se achega a cantidade de datos que ofrece cada unha, así como o prezo e a velocidade.

PUBLICIDADE